Thursday 02 de May de 2024

Aberta a inscrición para participar na segunda San Silvestre Concello de Neda


A proba, pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, desenvolverase o domingo 31 de decembro no Roxal

No marco da programación de Nadal, o Concello de Neda organiza este ano a súa segunda San Silvestre. A cita terá lugar o domingo 31 de decembro as 10:30 h, con saída e chegada na pista polideportiva do Roxal. A proba, pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, e incluída no “IX Circuíto da Deputación da Coruña”, vén de abrir o seu prazo de inscrición.

Ata o día 27 de decembro, ás 23.59 horas, todos/as os/as atletas, federados/as ou non, que desexen participar deben anotarse na web www.carreirasgalegas.com, onde tamén se poderán consultar o regulamento da carreira. Só os maiores de idade terán que aboar a cota de inscrición de 6 euros, para os menores é de balde.

A proba absoluta terá un percorrido aproximado de 5,4 km por asfalto (tempo máximo de 45 minutos), en tanto que nas categorías sub 16 e sub 14 a distancia redúcese a 1,4 km, e nas categorías sub 12 e sub 10 (nacidos en 2014-2015) correrán 700 metros. Recibirán trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina.

O Concello aspira a revalidar o éxito da primeira edición da súa San Silvestre, que xuntou na contorna do río Belelle a máis de 300 deportistas. E así, animan ás persoas afeccionadas ao atletismo de Ferrolterra, Eume e Ortegal a despedir o ano correndo.

A retirada de dorsais desenvolverase dende unha hora antes do inicio da carreira, que discorrerá pola zona do Roxal.